
Na Fundación Celta cremos firmemente que o noso traballo vai moito máis alá do que sucede no terreo de xogo. Cremos no fútbol que transforma vidas. Baixo esta premisa, acabamos de dar un paso moi especial ao unir o noso camiño co da Asociación Sunu Gaal, unha entidade que, coma nós, entende que a cooperación e o deporte son ferramentas esenciais para abrir un futuro de esperanza.
Este novo lazo de unión, asinado polo director da Fundación Celta, Germán Arteta, e o presidente de Sunu Gaal, Mbaye Gil Sánchez, nace cun obxectivo claro: sumar forzas para que a mocidade de Senegal teña mellores oportunidades. Queremos que o balón sexa un motor de saúde, educación e alegría en comunidades que o necesitan.
Mentres a Fundación achegará toda a súa experiencia no deporte base e os valores de equipo, Sunu Gaal será a nosa voz e as nosas mans sobre o terreo, desenvolvendo proxectos sanitarios, educativos e sociais. Esta alianza é, por riba de todo, unha promesa de acción; o nacemento dunha ponte de solidariedade entre Vigo e Senegal onde os verdadeiros protagonistas son as persoas.
Este proxecto reforza o noso convencemento de que a unión de esforzos é o camiño máis directo para xerar un impacto positivo e real na sociedade, demostrando que o deporte non entende de distancias.

