
Un proxecto de fútbol para promover a inclusión social, a saúde e a autonomía das persoas con discapacidade intelectual
A Fundación Celta presentou en O Porriño a nova Escola Celta Integra Zelnova, unha iniciativa que busca promover a inclusión social, a saúde e a autonomía das persoas con discapacidade intelectual a través do fútbol.
O proxecto contará con 18 participantes, con idades comprendidas entre os 15 e os 53 anos, que realizarán unha sesión de adestramento semanal durante a tempada 2026-2027 no Campo Municipal do Lourambal. As sesións estarán dirixidas polo equipo técnico da Fundación Celta.
A Escola CeltaIntegraZelnova nace no marco do acordo de colaboración da Fundación Celta coa IN-RED, asociación empresarial da que forma parte Aceesca. Con esta iniciativa, as entidades participantes queren contribuír a eliminar barreiras e a transformar a percepción social da discapacidade, empregando o deporte como ferramenta de integración e de mellora do benestar das persoas participantes.

A Fundación Celta agradece a implicación de todas as entidades que fan posible este novo paso e que converten en realidade un proxecto que amplía o compromiso social do club co fútbol inclusivo.

