
O Celta puxo en marcha unha nova iniciativa ambiental para promover hábitos máis sostibles durante os partidos disputados no estadio. A acción permitirá recoller as cascas das pipas consumidas pola afección para a súa posterior transformación en compost, contribuíndo así á recuperación de montes galegos afectados polos incendios.
As persoas asistentes aos encontros dispoñerán de bolsas específicas para depositar as cascas das pipas durante o partido. Ao remate de cada encontro, estas poderán ser depositadas nos contedores habilitados nas saídas do estadio para facilitar a súa correcta xestión.
O proxecto conta coa colaboración de Agroamb, entidade especializada na valorización deste tipo de residuos orgánicos, que será a encargada de transformar as cascas en abono natural destinado á rexeneración de espazos forestais.
Nesta iniciativa, o programa Celta Integra Zelnova desempeña tamén un papel fundamental. En cada xornada, os xogadores e xogadoras do equipo forman parte do grupo de voluntariado encargado de repartir as bolsas entre a afección, colaborando activamente nunha acción que combina inclusión, concienciación ambiental e compromiso coa comunidade.
Esta participación reforza os valores que promove a Fundación Celta a través do programa Celta Integra Zelnova, demostrando que pequenas accións colectivas poden xerar un impacto positivo tanto nas persoas como no entorno.
Unha vez máis, o fútbol convértese nunha ferramenta para impulsar cambios reais dentro e fóra do terreo de xogo.
Porque na Fundación Celta cremos que o fútbol transforma vidas.

