JONATAN GIRÁLDEZ PONLLE O BROCHE DE OURO ÁS CELTALKS ADESLAS DESTA TEMPADA
10 Xuño 2026

Celta Integra Zelnova, recoñecido como Valedor da Festa da Rosa 2026 polo seu compromiso coa inclusión

16 Xuño 2026

A Fundación Celta celebra o recoñecemento outorgado a Celta Integra Zelnova como un dos Valedores da Festa da Rosa 2026, unha distinción concedida polo Concello de Mos que pon en valor o labor do equipo a prol da inclusión social a través do deporte. Este galardón recoñece o compromiso diario dun proxecto que, desde hai máis dunha década, traballa para xerar oportunidades, fomentar a autonomía persoal e promover a igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade intelectual.

Impulsado e amparado pola Fundación Celta, Celta Integra Zelnova consolidouse como un referente do deporte inclusivo, transcendendo a competición para converterse nun espazo de crecemento persoal, convivencia e aprendizaxe. A través da súa participación en competicións como LaLiga Genuine e noutras iniciativas sociais e formativas, o equipo demostra cada día o poder transformador do fútbol como ferramenta de integración.

Desde a Fundación Celta queremos agradecer ao Concello de Mos esta distinción, que facemos extensiva a todas as persoas que forman parte do proxecto: xogadores e xogadoras, familias, corpo técnico, entidades colaboradoras e persoas voluntarias. Este recoñecemento anímanos a seguir traballando coa mesma ilusión e compromiso para construír unha sociedade máis inclusiva, na que o deporte continúe sendo un motor de cambio e unha oportunidade para todas as persoas.


Etiquetas da nova

Ir o contido