
Sete anos despois do seu primeiro título, o Celta Integra Zelnova proclamouse campión de LaLiga Genuine Moeve por segunda vez na súa historia. Este logro supón a culminación dunha temporada impecable e o recoñecemento a unha década de traballo constante por parte do proxecto de fútbol inclusivo da Fundación Celta.
A consagración do conxunto celeste chegou na Fase IV e final do torneo, disputada na Ciudad Deportiva de Las Rozas (Madrid). Tras manter unha traxectoria perfecta ao longo de todas as sedes da competición, o equipo ratificou no terreo de xogo o seu liderado no grupo Deportividade, poñendo o broche de ouro a un curso no que o traballo en equipo e o espírito de superación foron a súa principal sinal de identidade.
Máis alá do éxito deportivo, este campionato premia o esforzo diario de xogadores, corpos técnicos e familias diante das adversidades da vida. Con este segundo título de liga, o Celta Integra Zelnova consolida dez anos de traxectoria promovendo a inclusión, a igualdade e os valores fundamentais do deporte a través do escudo do Celta.

