O Celta Integra Zelnova participará nas ‘Xornadas de Leo’ en Meis para promover a inclusión e o deporte adaptado
8 Setembro 2026

Celta Integra e Zelnova Zeltia crean xuntos un ambientador para darlle visibilidade á inclusión

11 Setembro 2026

Os integrantes do equipo coñeceron o proceso de fabricación no Porriño e seleccionaron, xunto aos profesionais de Zelnova Zeltia, o perfume que representará o proxecto

Zelnova Zeltia e a Fundación Celta deron un novo paso na súa colaboración para promover a inclusión e ampliar a visibilidade de Celta Integra Zelnova. Os integrantes do equipo visitaron as instalacións e os laboratorios da compañía no Porriño, onde participaron activamente na selección do perfume dun futuro ambientador vinculado ao proxecto.

A iniciativa permitirá unir a experiencia industrial e a capacidade de innovación de Zelnova Zeltia cos valores que representa Celta Integra Zelnova, convertendo os integrantes do equipo en protagonistas dunha decisión concreta dentro do proceso de creación do produto.

Unha experiencia participativa arredor da innovación

Durante a xornada, o equipo coñeceu as liñas de produción de Zelnova Zeltia e descubriu as distintas fases que interveñen no desenvolvemento dun ambientador, desde a selección inicial da fragrancia ata a súa formulación e fabricación.

Posteriormente, os participantes accederon aos laboratorios de I+D, onde valoraron diferentes propostas olfactivas e seleccionaron o perfume que servirá como punto de partida para o desenvolvemento do novo ambientador Celta Integra Zelnova Zeltia.

A actividade foi deseñada para que os integrantes do equipo non sexan unicamente visitantes, senón participantes activos nunha experiencia empresarial, industrial e creativa.

Unha colaboración con vocación de futuro

A relación entre Zelnova Zeltia e a Fundación Celta iniciouse en decembro de 2025 co obxectivo de ampliar o alcance de Celta Integra Zelnova e trasladar os seus valores a novos ámbitos da sociedade.

Desde entón, ambas as organizacións desenvolveron diferentes iniciativas conxuntas. Entre elas atópanse a xornada de convivencia e teambuilding celebrada na Madroa entre o equipo e os empregados de Zelnova Zeltia, así como a participación de Celta Integra Zelnova no Trofeo Conde de Gondomar, Gran Premio Zelnova Zeltia. A visita ás instalacións do Porriño e a creación conxunta do ambientador representan un novo avance nesta relación, baseada na inclusión, no traballo en equipo, na capacidade de superación e no compromiso coa comunidade.

A xornada concluíu cun encontro entre Celta Integra Zelnova, a Fundación Celta e os profesionais de Zelnova Zeltia, así como coa entrega dun detalle conmemorativo da visita.

Con afouteza, compromiso e vocación de futuro, ambas as organizacións continuarán impulsando iniciativas que reforcen a visibilidade de Celta Integra Zelnova e contribúan a que a inclusión estea cada vez máis presente na vida empresarial, deportiva e social de Galicia.


Etiquetas da nova

Ir o contido