
O Monte Real Club de Yates de Baiona acolleu a presentación oficial e a gala benéfica do Gran Premio Zelnova Zeltia, unha cita histórica no calendario náutico galego que este ano reforza, máis ca nunca, a súa vertente social e solidaria a favor do equipo Celta Integra Zelnova.
O deporte, os valores e a solidariedade volveron darse a man en Baiona. A presentación do 51º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia converteuse no escenario perfecto para reafirmar a estreita alianza entre a Fundación Celta e Zelnova Zeltia, unindo a esixencia do mar co afán de superación do terreo de xogo.
Durante a xornada, que incluíu unha gala benéfica a prol da Fundación Celta, o equipo Celta Integra Zelnova foi o gran protagonista. Representantes de ambas as dúas entidades e institucións do Monte Real Club de Yates destacaron a importancia de utilizar o deporte como unha verdadeira ferramenta de transformación social.
Rubén Martínez, patrono da Fundación Celta, subliñou durante a súa intervención o rumbo fixado polo club: “Temos moi claras as nosas raíces e a conexión coa comunidade. Trátase de construír celtismo dende os principios, traballando cun propósito claro onde non todo vale, e indo sempre máis alá do meramente deportivo”.
Pola súa banda, o Director da Fundación Celta, Germán Arteta, botou a vista atrás para lembrar as orixes do equipo Celta Integra Zelnova en 2015, destacando a evolución cuns xogadores que xa conquistaron dúas veces a Liga Genuine: “Igual que na vela hai que interpretar o vento para avanzar, no fútbol os nosos rapaces souberon interpretar moitas cousas máis alá de dar patadas a un balón. É un traballo constante de equipo e superación”.
A velada concluíu agradecendo enormemente a Zelnova Zeltia o seu papel non só como patrocinador principal, senón como un compañeiro de viaxe indispensable para o Celta Integra, así como ao Monte Real Club de Yates pola súa inmellorable acollida.

