
Diversum Concept Café volveu demostrar que a inclusión non é un concepto teórico, senón unha realidade que se constrúe cada día. O proxecto, que redefine o modelo tradicional de cafetaría combinando gastronomía de calidade con compromiso social, viviu este martes unha tarde especialmente significativa.
Diversum nace cun propósito claro: crear un espazo onde desfrutar de almorzos, brunchs e merendas nunha contorna coidada, ao mesmo tempo que ofrece oportunidades laborais reais a persoas con diversidade funcional. Actualmente, nove profesionais con diversidade funcional física, sensorial e/ou intelectual forman parte do equipo, desenvolvendo o seu traballo nunha contorna que respecta os seus dereitos e potencia as súas capacidades.
Neste contexto tivo lugar unha visita moi especial. O equipo do Celta Integra Zelnova, acompañado polo seu coordinador e corpo técnico, acudiu ao local para compartir unha merenda xunto a Samu, antigo xogador do equipo e hoxe integrante do cadro de persoal de Diversum. Samu tivo que deixar o fútbol tras unha lesión grave que marcou un antes e un despois na súa traxectoria deportiva; porén, o vínculo cos seus compañeiros nunca se rompeu. A visita do seu equipo ao espazo onde hoxe traballa foi un xesto cargado de significado e emoción.
Para Diversum, encontros coma este representan o verdadeiro impacto do proxecto: xerar comunidade, tender pontes e demostrar que a inclusión esténdese ao ámbito social e deportivo. A tarde do 10 de febreiro foi moito máis que unha merenda: foi a celebración dun proxecto que aposta pola diversidade como valor e polas persoas como eixo central.

