
A cidade de Tarragona foi o escenario esta fin de semana da Fase I da LaLiga Genuine Moeve, unha competición que cada ano reúne a equipos de todo o país nun ambiente único de deporte, valores e convivencia. O Celta Integra viaxou ata terras catalás para iniciar unha nova tempada cargada de ilusión, crecendo unha vez máis como equipo e como proxecto social.
A expedición celeste permaneceu catro días en Tarragona, onde ademais de competir puido desfrutar dunha experiencia inesquecible grazas á colaboración da Fundació PortAventura e Fundación LaLiga, que fixeron posible que xogadores e xogadoras vivisen unha xornada completa en PortAventura. Montañas rusas, espectáculos, risas e momentos compartidos con compañeiros e rivais convertéronse en moito máis que unha cita deportiva: unha vivencia que reforza vínculos, enriquece o aprendizaxe e deixa recordos para sempre.
No terreo de xogo, o Celta Integra asinou un inicio de competición extraordinario, demostrando que o traballo diario e o compromiso de todos segue dando froitos. O equipo pechou a fase cun pleno de vitorias: Sevilla FC 1–2 Celta Integra, Deportivo Alavés 0–4 Celta Integra e Celta Integra 2–1 RCD Espanyol. Máis alá dos resultados, o equipo mostrou unha identidade recoñecible, esforzo colectivo, deportividade e unha actitude exemplar en cada partido, reflexo do seu crecemento continuo dentro do proxecto da Fundación Celta.
O club quere facer un recoñecemento especial ás familias que se desprazaron ata Tarragona para acompañar ao equipo durante toda a fin de semana. A súa presenza, apoio e ánimo desde a bancada foron un impulso fundamental en cada encontro, lembrando que este proxecto tamén se constrúe da súa man. Ademais, a Fundación Celta quere agradecer a Autos González, empresa membro de honra da entidade, o seu apoio loxístico ao poñer á disposición do club unha das súas furgonetas, facilitando así que parte do corpo técnico puidese viaxar a Tarragona e participar activamente nesta fase.
O Celta Integra regresa a Vigo con enerxías renovadas, aprendizaxes, vivencias e unha motivación maior para seguir avanzando nun proxecto que busca que cada xogador e xogadora creza a nivel deportivo e persoal. Coa mirada xa posta nas seguintes fases de competición e nos retos que están por vir, o equipo continuará traballando co mesmo compromiso, ilusión e espírito que o identifica.
O fútbol que transforma vidas.
