
A Cidade Deportiva Afouteza viviu o pasado xoves unha de esas mañás que fican gravadas na retina para sempre. O primeiro equipo do RC Celta fixo un oco na súa rutina de adestramentos para compartir momentos moi especiais, crear recordos inesquecibles e encherse de enerxía xunto aos afeccionados máis valentes e loitadores do club.
Grazas á colaboración de ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia) e o Centro San Rafael, pequenos e grandes coma Adrián, Daniella e Álex, acompañados polas súas familias, puideron gozar dunha xornada única moi preto dos seus ídolos. Risas, autógrafos, fotos e, sobre todo, moito agarimo e afouteza foron os grandes protagonistas nun día onde o fútbol pasou a un segundo plano para poñer o foco no lado máis humano do deporte.
Desde a Fundación Celta queremos agradecer de corazón a presenza de todas as familias e o incrible labor destas dúas entidades, que son un exemplo diario de superación e forza. Seguiremos traballando con orgullo para que o celtismo sexa, por riba de todo, un motor de ilusión, inclusión e solidariedade.
