A educación ambiental e o deporte danse a man nunha nova iniciativa da Fundación Celta
15 Maio 2026

Fútbol, inclusión e esforzo compartido nunha tarde única para o Celta Integra Zelnova e o equipo de Zelnova Zeltia

22 Maio 2026

 

As instalacións deportivas da Madroa acolleron o pasado martes 19 de maio unha xornada de tarde onde o fútbol volveu demostrar a súa forza integradora. O Celta Integra Zelnova, o equipo de fútbol inclusivo da Fundación Celta, compartiu unha sesión oficial de convivencia e teambuilding xunto a unha ampla representación de traballadores e traballadoras de Zelnova Zeltia, estreitando uns lazos humanos que van moito máis alá dunha firma de colaboración.

A xornada transcorreu integramente sobre o céspede, aproveitando o horario de adestramento para que os xogadores celestes exercesen de anfitrións. A sesión estruturouse para que empregados da empresa do Porriño e futbolistas do club formasen equipos mixtos, cooperando de igual a igual para superar os distintos retos de habilidade, xogos adaptados e partidos integrados propostos polo corpo técnico.

Durante toda a tarde, valores como a empatía, o esforzo colectivo e o compañeirismo foron os verdadeiros protagonistas baixo os focos da Madroa. Esta actividade permitiu visibilizar que ambas as dúas entidades comparten unha sensibilidade común cara ao desenvolvemento social, o respecto polas capacidades de cada persoa e o orgullo de medrar xuntos facendo comunidade, atopando no deporte a mellor ferramenta posible para a inclusión real.

A cita, que reforza a identidade compartida de cara á presente tempada, pechouse cunha foto de familia de todos os participantes no centro do campo, consolidando un vínculo humano que promete seguir dando froitos sociais e deportivos ao longo do ano.


Etiquetas da nova

Ir o contido