
Unha nova fin de semana para o recordo e repleto de emocións. O Celta Integra Zelnova completou a súa participación na fase de Burgos de LaLiga Genuine Moeve asinando unha actuación brillante e logrando un pleno de triunfos nos partidos disputados nas instalacións da Ciudad Deportiva do Burgos CF. Con estes novos resultados, o conxunto celeste sitúase líder do grupo Deportividade cunha traxectoria impecable.
A expedición celeste viaxou a terras castelás co obxectivo de continuar a súa aprendizaxe e seguir desfrutando da maxia deste campionato de fútbol inclusivo. O primeiro encontro resolveuse cun marcador favorable de 0-2 fronte ao Real Oviedo, mentres que no segundo compromiso o Celta Integra Zelnova impúxose por 4-0 ante o Real Racing Club. Máis alá dos marcadores, os xogadores amosaron sobre o céspede unha actitude exemplar, o que lles permite manter un pleno absoluto de sete vitorias en sete encontros nesta edición e sumar un total de 21 puntos.
Tras un fin de semana inesquecible marcado polo compañeirismo, o respecto e a superación, o equipo xa pon a súa mirada na vindeira gran cita do curso. A seguinte e última parada de LaLiga Genuine Moeve terá lugar na Ciudad Deportiva de Las Rozas, en Madrid, os días 19, 20 e 21 de xuño, onde se celebrará a gran clausura da temporada.

