
A Fundación Celta celebrou o pasado xoves 28 de maio no Salón Rexio da Sede a cuarta edición das Celtalks Adeslas, un espazo de encontro e aprendizaxe dirixido á comunidade celtista e centrado en cuestións de especial relevancia para o desenvolvemento persoal e familiar. Nesta ocasión, a protagonista foi a doutora Pomba Liñares Nistal, especialista en Psiquiatría Infantil e da Adolescencia e Pediatría, quen ofreceu a charla titulada “Comprender o cerebro adolescente: claves para acompañar”.
A sesión reuniu pais, nais, titores e outras persoas vinculadas ao acompañamento de adolescentes, que acudiron co obxectivo de afondar nunha etapa vital tan complexa como determinante. Durante a súa intervención, a doutora Liñares explicou como se desenvolve o cerebro durante a adolescencia e de que maneira este proceso inflúe na forma de pensar, sentir e actuar da mocidade. A través dunha linguaxe próxima e accesible, axudou a comprender mellor comportamentos habituais desta etapa e ofreceu ferramentas para fortalecer a conexión e a comunicación dentro do ámbito familiar.

Entre os temas abordados destacaron a impulsividade, a busca de novas experiencias, a influencia do contexto social, a intensidade emocional propia destas idades e os principais factores de risco para a saúde mental. Ademais de achegar unha base científica sobre o funcionamento do cerebro adolescente, a relatora convidou os asistentes a reflexionar sobre a importancia de acompañar este proceso desde a comprensión, a escoita e o coñecemento.
Con esta cuarta edición das Celtalks Adeslas, a Fundación Celta continúa reforzando o seu compromiso coa formación integral das persoas e coa xeración de espazos que contribúan ao benestar da infancia, a mocidade e as súas familias. Esta iniciativa forma parte da aposta da entidade por impulsar accións de impacto social que favorezan o crecemento persoal, a educación e a transmisión de valores dentro e fóra do ámbito deportivo.

