
A rúa do Príncipe xa loce a exposición fotográfica da Fundación Celta, unha iniciativa que achega á cidadanía o labor social da entidade a través dunha selección de imaxes que reflicten algunhas das principais accións desenvolvidas durante os últimos anos. A mostra, instalada no pleno centro da cidade, convida vigueses e visitantes a descubrir, mentres pasean por unha das rúas máis emblemáticas de Vigo, o alcance de un traballo que vai moito máis alá do terreo de xogo.

A través destas fotografías, a exposición pon rostro aos proxectos, ás experiencias e ás persoas que dan sentido ao compromiso da Fundación Celta coa sociedade. Unha oportunidade para coñecer de preto a súa actividade e comprender como o deporte pode converterse nunha ferramenta de inclusión, convivencia e transformación social, xerando un impacto positivo en distintos colectivos e contribuíndo a construír unha comunidade máis comprometida e solidaria.

A iniciativa forma parte da programación especial de ‘Un partido con corazón’, coa que o Celta dedicará o encontro ante o Deportivo Alavés, o vindeiro 18 de outubro en ABANCA Balaídos, a recoñecer e dar visibilidade ao traballo da súa Fundación. Con esta exposición, a celebración sae tamén do estadio para atoparse coa cidade e achegar a súa dimensión social a toda a cidadanía. Así, quen percorra estes días a rúa do Príncipe poderá descubrir unha parte esencial do proxecto celeste: un compromiso que transcende o fútbol e que demostra que, cando o deporte se pon ao servizo das persoas, a súa capacidade para transformar vidas chega moito máis lonxe.

