Celta Integra Zelnova, recoñecido como Valedor da Festa da Rosa 2026 polo seu compromiso coa inclusión
16 Xuño 2026

O Celta comparte a súa experiencia en sustentabilidade na xornada MentoringLAB da Alianza Galega polo Clima

8 Xullo 2026

O Celta participou este pasado martes, 7 de xullo, na xornada MentoringLAB, organizada pola Alianza Galega polo Clima en Santiago de Compostela, un encontro que reuniu representantes de empresas, entidades e institucións galegas co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias e impulsar novas iniciativas fronte ao cambio climático.

O club estivo representado por Germán Arteta, director da Fundación Celta, quen participou como relator nunha das mesas redondas do encontro, compartindo a experiencia do Celta no desenvolvemento de proxectos vinculados á sustentabilidade, á responsabilidade social e ao impacto positivo no territorio.

A xornada serviu, ademais, para poñer en valor a segunda edición do programa “Mentoring polo clima”, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia para favorecer a colaboración entre empresas con experiencia en acción climática e organizacións que procuran avanzar na integración de estratexias de sustentabilidade. Nesta edición, o programa duplicou o número de entidades participantes e xerou preto de 40 propostas orientadas a impulsar plans de descarbonización, sustentabilidade, innovación tecnolóxica e formación ambiental.

A participación do Celta neste foro responde ao compromiso do club coa construción dun modelo de desenvolvemento máis sostible e á vontade de compartir boas prácticas xunto con outras organizacións galegas. A través da Fundación Celta, a entidade continúa impulsando iniciativas que integran o deporte como ferramenta de transformación social e de sensibilización en ámbitos como o coidado do medio ambiente.

Durante o acto, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou a importancia de fortalecer a colaboración entre os máis de 260 membros que forman parte da Alianza Galega polo Clima e presentou novas ferramentas para favorecer o intercambio de coñecemento e a cooperación entre empresas, universidades, centros tecnolóxicos e entidades sociais.

 


Etiquetas da nova

Ir o contido