
O Celta Integra Zelnova sumarase como participante ás ‘Xornadas de Leo’, un encontro dedicado a visibilizar as enfermidades raras, a inclusión e o deporte adaptado que se celebrará os días 9, 10 e 11 de setembro no Auditorio de Meis.
O equipo inclusivo da Fundación Celta estará presente nesta iniciativa para compartir a súa experiencia no ámbito do deporte adaptado e poñer en valor o papel do fútbol como ferramenta de integración social e superación persoal. Trala intervención do Celta Integra Zelnova, proxectarase o documental de Celta Media ‘Os que nunca se renden’.
O encontro nace como unha evolución da Carreira de Leo, consolidándose como un espazo de debate e concienciación que serve de preludio para a IV Carreira e Andaina Solidaria de Leo, que se celebrará o vindeiro 4 de outubro en Meis. Nesta edición, os fondos recadados destinaranse a apoiar a investigación e o traballo de dúas entidades fundamentais: a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) e a Asociación CTNNB1.
Coa súa participación nestas xornadas, o Celta Integra Zelnova reafirma o seu compromiso coa visibilización da diversidade e co apoio ás familias que conviven con enfermidades raras. Desde a Fundación Celta animamos a asistir ás charlas no Auditorio de Meis en setembro e a participar na carreira solidaria do vindeiro 4 de outubro.

