
O Celta Integra Zelnova completou con éxito a súa participación na primeira fase de A Nosa Champions, a liga de fútbol inclusivo impulsada pola Real Federación Galega de Fútbol (Futgal). Durante esta xornada inaugural, os xogadores celestes volveron demostrar que o fútbol é unha ferramenta inigualable para o crecemento persoal e a integración social.
Máis alá dos resultados deportivos, a cita destacou polo gran ambiente de deportividade e compañeirismo vivido sobre o céspede. A Fundación Celta reafirma así o seu compromiso co deporte inclusivo, permitindo que os seus xogadores compitan nunha contorna que premia o esforzo e os valores por riba de calquera marcador. Desde a entidade queremos agradecer á Futgal a excelente organización desta primeira fase, que supón un paso adiante para o fútbol adaptado na nosa comunidade.
