
O Salón Regio da Sede volveu abrir as súas portas nunha nova edición das Celtalks Adeslas, unha iniciativa impulsada pola Fundación Celta que segue medrando como espazo de encontro e formación para os xogadores e xogadoras de A Canteira.
Tras as anteriores sesións protagonizadas por Desirée Vila e Adi Iglesias, esta terceira cita centrouse na prevención de adiccións. Nesta ocasión, a Asociación Érguete foi a encargada de guiar unha charla centrada en informar e concienciar sobre os riscos asociados tanto ao consumo de substancias como ás adiccións comportamentais.
Durante o encontro abordáronse realidades cada vez máis presentes na adolescencia como o uso excesivo de redes sociais, a adicción ao xogo ou ao consumo de bebidas enerxéticas. Cun especial foco na etapa da adolescencia, o obxectivo foi informar, concienciar e dotar aos canteiráns de ferramentas para tomar decisións responsables que protexan a súa saúde e o seu futuro.
A Asociación Érguete naceu na década dos 80 cando un grupo de nais galegas se uniu para facer fronte ás devastadoras consecuencias do narcotráfico en Galicia. Desde entón, a entidade, sen ánimo de lucro e de iniciativa social, traballa para fomentar hábitos de vida saudables, xerar oportunidades e prestar apoio a persoas e familias afectadas por condutas adictivas, disruptivas e/ou de risco, intervindo nos ámbitos xurídico, social, preventivo e educativo.
Con esta nova sesión, as Celtalks Adeslas consólidanse como un espazo de formación para que os máis novos medren coas bases necesarias para afrontar con madurez e responsabilidade todos os desafíos presentes na sociedade.
