
O Celta, a través da Fundación Celta, habilitará un palco sensorial en ABANCA Balaídos, en formato de proba piloto, destinado a ofrecer un espazo seguro, tranquilo e adaptado ás necesidades das persoas con autismo que acudan ao estadio para gozar dos partidos do seu equipo. A iniciativa nace co obxectivo de favorecer unha experiencia inclusiva e accesible no fútbol e contará co acompañamento e asesoramento especializado da Federación Autismo Galicia, que colaborará coa Fundación Celta para garantir que o espazo responda adecuadamente ás necesidades das súas persoas usuarias.
A presentación do novo palco sensorial tivo lugar este xoves 8 de outubro, ás 12.00 horas, en ABANCA Balaídos, nun acto no que participaron a Fundación Celta, a Real Federación Galega de Fútbol, a Real Federación Española de Fútbol e a Federación Autismo Galicia, entidades que colaboraron na viabilidade do proxecto. O espazo estrearase oficialmente o domingo 18 de outubro, ás 16.15 horas, coincidindo co encontro entre o Celta e o Deportivo Alavés da xornada 9 de LALIGA EA Sports, un partido dedicado á Fundación Celta que servirá como proba piloto deste espazo, pensado para desenvolvelo na nova bancada de Gol cando esta estea completamente rematada.
“Este palco sensorial que inauguramos representa un paso máis no noso compromiso por facer do fútbol e de ABANCA Balaídos un espazo verdadeiramente inclusivo, onde todas as persoas que o utilicen poidan gozar do seu equipo nun contorno seguro e adaptado ás súas necesidades. Grazas ao traballo conxunto coa Federación Autismo Galicia e co resto de entidades implicadas, seguimos avanzando para que o fútbol siga transformando vidas”, explicou o director da Fundación Celta, Germán Arteta.

A directora da Federación Autismo Galicia, Patricia Blanco, tamén valorou positivamente a iniciativa: “Desde a Federación Autismo Galicia queremos agradecer á Fundación Celta que non só nos abrira as portas de Balaídos, senón que tamén entendera que unha inclusión real implica que todas as persoas poidan comprender, participar e compartir a emoción do fútbol en igualdade de condicións. Así mesmo, queremos agradecer a súa colaboración na incorporación de medidas que favorecen a anticipación, a orientación, a regulación e unha atención máis enfocada ás necesidades das persoas”.
E para concluír as valoracións do que supón este palco sensorial, o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias, afirmou: “Para a Real Federación Galega de Fútbol é moi importante impulsar este tipo de iniciativas que utilizan o fútbol como unha ferramenta de inclusión social. É o noso obxectivo e compromiso achegar o fútbol a todas as persoas, independentemente das súas circunstancias ou necesidades. Seguiremos apostando por iniciativas que fagan deste deporte un espazo cada vez máis inclusivo e accesible. Agradecer á Fundación Celta pola súa excelente acollida a esta iniciativa e á RFEF polo seu acompañamento no desenvolvemento desta acción”.

